Un simulacro proba en Rianxo a capacidade dos medios ante un incendio forestal de Nivel 2

RIANXO> A praza da Veliña, en Rañó, na parroquia rianxeira de Leiro, converteuse esta mañá no centro de operacións no que se desenvolveu un simulacro de incendio forestal para avaliar a coordinación entre os distintos equipos de emerxencia e a operatividade do Plan Especial de Protección Civil.

A elección de Rianxo non foi ó chou. O municipio forma parte da lista de concellos nos que se rexistra unha maior actividade incendiaria, polo que , antes do inicio da campaña de alto risco, urxía realizar un exercicio de adestramento.

Neste caso, tratábase dun incendio forestal de nivel 2, catalogado así por afectar a áreas próximas a núcleos de poboación e a infraestruturas críticas.

Seguindo o operativo moi de preto o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, o alcalde, Julián Bustelo, a delegada da Xunta na Coruña, Belén do campo, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

As dúas últimas, valoraron de xeito moi positivo este tipo de simulacros, segundo elas, fundamentais para asegurar que tódolos medios, tanto humanos coma técnicos, estean o mellor preparados para actuar con eficacia e rapidez ante un incendio real.

O operativo contou cun amplo despregue formado por alomenos un cento de persoas, con persoal e medios do servizo de Prevención de Incendios Forestais de Medio Rural, da dirección xeral de Emerxencias e Interior,  e da Axencia Galega de Emerxencias. Tamén participaron varias agrupacións de protección civil da zona, Policía Autonómica, Garda Civil e Policía Local de Rianxo, así como Urxencias Sanitarias do 061 e Cruz Vermella, entre outros.