Comezan as obras da Casa da Xuventude en Ribeira

    RIBEIRA > O concello de Ribeira vén de iniciar as obras de construción da casa da Xuventude de Ribeira no polígono residencial das Abesadas. Este inmoble, presupostado en máis de oitocentos mil euros, prestará servizo de aloxamento ós mozos que viaxen a Ribeira mediante programas de intercambio e servirá ademais como centro de dinamización asociativa e de ocio no municipio.

    Xa están en marcha os traballos para a construción da futura Casa da Xuventude de Ribeira. As novas instalacións, nas que se investirá máis de oitocentos mil euros, está previsto que conten con dous dormitorios con capacidade para 40 mozos e outro adaptado ás persoas con algún tipo de discapacidade, unha aula polivalente, unha cociña, un comedor e unha lavandería. As obras completaranse ademais coa habilitación dun parque público no terro colindante ó solar no que se ubica o edificio.

    O inmoble servirá de centro de ocio e tempo libre para a mocidade e tamén como albergue para acoller a aqueles mozos que participen nalgún intercambio ou que pertenzan a algunha asociación que teña unha actuación no concello. Deste xeito, a Casa da Xuventude  facilitará os intercambios culturais e a integración social. Ademais, nas instalacións tamén se organizarán cursos, talleres, charlas e outros encontros formativos. Asimesmo permitirase o seu uso para os ensaios dos grupos musicais ou de bailes de agrupacións locais. 

    Redacción Barbanza