BOIRO> Desde In9 Eventos calculan que houbo máis de 3.000 visitantes. O produto exquisito coma sempre, pero este ano fíxose unha nova aposta pola mellora da presentación.
Os tradicionais mexillóns ó vapor, en salsa, en empanada e en ensalada con polbo da ría de Arousa e fabas de Lourenzá. Todo isto levaban as racións que se venderon na XIII exaltación do mexillón de Cabo de Cruz, unha cita que cumpriu con éxito as expectativas dos organizadores, como nos conta o alcalde de Boiro. Todos quedaron fascinados coa presentación do produto estrela da nosa ría. Unhas sofisticadas caixas de madeira portaban o conxunto, separando as distintas receitas en tarros de cristal. Nada máis e nada menos que 2.000 racións coma esta foron vendidas, o que supón máis de 4.000 quilos de mexillón en vianda. Para satisfacer a demanda do público, traballou un equipo de 40 profesionais dirixidos por In9 Eventos. Xoán Xosé Dieste tamén quixo destacar a implicación do sector bateeiro e dos veciños de Cabo, por mellorar e consolidar ano a ano esta cita gastronómica.