O concello boirés editará un boletín informativo sobre urbanismo

    BOIRO > O concelleiro de Urbanismo de Boiro, Xoán León, vén de presentar un boletín con información sobre este departamento. O obxectivo desta publicación é a de facilitar información de interese e resolve-las dúbidas dos veciños respecto a temas de urbanismo.

    Esta nova publicación editada polo concello de Boiro levará por nome ‘Urbanismo con b de Boiro’ e terá unha periodicidade bimensual.

    No boletín abordaranse aqueles temas de actualidade urbanística que poidan plantexar inquietudes ou dúbidas nos cidadáns, así como as actuacións concretas que se realicen dende o departamento de urbanismo da localidade. AsÍ mesmo a publicación tamén pretende facilitar o acceso dos veciños ou promotores á información detallada doutros organismos autonómicos e que poida ser de interese.

    Ademais o concelleiro de Urbanismo comentou que co obxectivo de facilitar a labor de informar á cidadanía, a intención é facer un percorrido por cada parroquia e realizar reunións semanais cos veciños para explicarlles todos aqueles trámites ou subvencións que poidan ser do seu interese.

    O arquitecto municipal Emilio Piña explicou que neste primeiro número da revista se abordan dous temas importantes e dos que poden beneficiarse moitos veciños do concello: o Plan de Vivenda 2006 – 2008 posto en marcha pola Xunta de Galicia e unha liña de axudas para o remate de vivendas rurais de menos de 15 anos.

    Emilio Piña tamén quixo destacar que xunto con estas axudas, o Concello de Boiro está a poñer en marcha como proxecto pioneiro no Barbanza, a declaración da parroquia de Moimenta como Area de Rehabilitación Integral co obxecto de conservar e protexer aqueles entornos constructivos de calidade. Ademais comentou que están a traballar no estudio de solares de propiedade municipal que sexan aptos para a construcción de vivendas sociais.

    Redacción Barbanza