O PP creará gabinetes de crise nos concellos nos que gobernan

    PONTEVEDRA > O lume non da tregua nos montes galegos pero tampouco o fan os políticos. Os máximos representantes do Partido Popular estatal e autonómico reuníronse cos alcaldes populares da provincia de Pontevedra. Durante a reunión acordaron que os concellos do PP formarán gabinetes de crise liderados polos alcaldes e que pedirán que se active o fondo europeo de solidariedade para catástrofes naturais.

    A cúpula do PP ofreceu á Xunta toda a súa colaboración para acabar coa exasperante situación que está a vivir Galicia en xeral e as provincias de Pontevedra maila Coruña en particular dende a pasada fin de semana. Na reunión mantida en Pontevedra concordaron en que non é este o momento idóneo para andar con estériles discusións políticas ás voltas senón apagar os lumes que arestora arrasan os montes galegos. Malia todo, as críticas á xestión da catástrofe por parte da actual Xunta non brilaron precisamente pola súa ausencia.

    Pediron que sexa Touriño quen tome o mando do problema. Entre as decisións por libre acordadas polos populares na reunión atópase a da ceación de gabinetes de crise naqueles municipios nos que goberna o PP. O Partido Popular acordou solicitar ó goberno axudas ós afectados polo lume que sufriron perdas agrícolas. Para isto presentaron unha iniciativa parlamentar no congreso e fixeron unha comparación coa velocidade de anteriores gobernos noutras catátrofes que afectaron a Galicia noutrora en clara alusión ó caso do afundimento do Prestige.

    Sobre as teorías baralladas sobre a orixe do lume os populares non descartan a intervención de incendiarios, agora ben, consideran que a dimensión que está a acadar nesta ocasión débese a un problema loxístico de mala xestión. Para o control da situación, que desborda todo o previsible, os populares tamén se dirixiron á cidadanía solicitando solidariedade nas labouras de extinción do lume.

    Redacción Salnés