O Bike Series decidirase este domingo na contrarreloxo de Portosín

PORTO DO SON> Chega á súa fin o circuíto de BTT Bike Series coa contrarreloxo que terá lugar este domingo en Portosín. Nesta proba decidirase o gañador da clasificación xeral que ata o momento encabeza Antonio Oujo.

Máis de medio cento de ciclistas volverán a desafiar a chuvia e o vento este domingo para disputar a primeira contrarreloxo de BTT que se celebra en Portosín. Trátase da final dun circuíto de tres probas, desputadas as previas en Ribeira e na Pobra, da que sairá o gañador da clasificación xeral.

A saída dos primeiros participantes terá lugar ás once da mañá dende o polideportivo de Portosín. Competirán nun circuíto pechado de dezaoito quilómetros, con escasa dificultade técnica aínda que cunha suba moi pronunciada no treito inicial.

O circuíto Bike Series, pioneiro na comarca, nace con vocación de continuidade. Trala primeira edición, os concellos participantes valoran xa a súa inclusión permanente no calendario deportivo aínda que non descartan o cambio de data para minimizar as inclemencias meteorolóxicas que dificultan o papel dos ciclistas.