Primeiras mobilizacións sociais ante os incendios

    BOIRO > Unhas vinte persoas participaron na Praza de Galicia de Boiro para amosa-la tristura e malestar ante a vaga de lumes que está a asolar a toda a comarca do Barbanza e por extensión a toda Galicia. Con esta convocatoria preténdese que os pirómanos, desaprensivos e os interesados das queimas saiban que teñen a toda a cidadanía en contra.

    A proliferación de incendios en toda Galicia comeza a xerar as primeiras mobilizacións sociais para amosar a indignación da cidadanía ante a situación que se está a dar na superficie forestal galega.¨Ó medíodía do xoves tivo lugar en Boiro unha concentración diante da praza do concello que non conseguiu reunir a moitos manifestantes debido á rapidez co que se convocou o encontro.

    Sen embargo, as persoas que asistiron á concentración constitúen un expoñente do sentir xeral da cidadanía que ve, impotente, como se está a destruir a riqueza dos nosos montes. Os manifestantes quixeron deixar claro o seu rexeitamento ás persoas interesadas en provocar os incendios cualificando ós autores de auténticos terroristas.

    Son moitos ademais os que consideran que os medios e os dispositivos contraincendios non están ben coordinados polo que reclaman un maior control por parte da administración.

    De seguro que esta será a primeira de moitas iniciativas de protesta que irán xurdindo nos próximos días e que teñen como obxectivo poñer de manifesto o malestar dos galegos ante a perda do seu ecosistema como xa sucedera co Prestige.

    Redacción Barbanza