Pesca investirá 185 mil euros na rexeneración do Areal

    POBRA > O Patrón Maior da Cofradía de Pescadores da Pobra presentou os proxectos colectivos aprobados pola Consellería de Pesca. Trátase dos plans de vixilancia, asistencia técnica e rexeneración da zona do Areal, este último dividido en dúas partidas.  En total 185 mil euros de subvención que recibirá a Confraría pobrense ó longo deste ano.

    O presidente da Confraría de Pescadores pobresa afirmou que estes proxectos se porán en marcha en breve, xa que polo de agora se están atando os últimos cabos. Manuel Maneiro anunciou que no tocante á asistencia técnica seguirán contando coa colaboración do biólogo José Manuel Vilar Mariño, unha área para a que a administración concedeu 20.500 euros. Case o dobre, 48.000 euros, foi a subvención concedida pola Xunta para a contratación de novos vixilantes que se unan ós catro que neste momentos se encargan xa de supervisar os bancos marisqueiros da entidade. Sen embargo, a maior axuda é a destinada ó proxecto de rexeneración da zona do Areal. 117 mil euros estarán destinados a recuperar este areal no que se producira un grave problema de mortandade do marisco. Esta recuperación acometerase en dúas partidas.

    O banco marisqueiro do Areal supera os 400.000 metros cadrados, e desde a Confraría intentarán rexenerar aproximadamente 40.000, aínda que esta cifra pode variar en función dos custes dos traballos. En canto ás especies que se pensa sementar, serán todas autóctonas, é dicir, ameixa fina e babosa, xa que a japónica se dá na zona por si soa.

    Redacción Barbanza