En Marea levará ó Parlamento alternativas para a rehabilitación do Pazo de Goiáns

    BOIRO> En Marea levará ó Parlamento a necesidade de acometer unha actuación urxente no pazo de Goiáns. Ademais de consolidar a edificación principal para frear o seu deterioro propoñen a rehabilitación integral do conxunto para darlle un uso público. O voceiro de En Marea no Parlamento, Luís Villares, e as deputadas de Cultura e Patrimonio, Luca Chao e Ánxeles Cuña desprazábanse esta tarde ata o pazo de Goiáns en Boiro para comprobar o estado de deterioro en que se atopa o conxunto histórico. Facíano convidados por Boiro Novo que denuncia a falla de interese do goberno municipal que leva seis anos sen acometer ningunha actuación. O anuncio dun estudo para determinar os posibles usos da finca fai sospeitar á formación boirense da intención do executivo de privatizala. Recollendo as demandas de Boiro Novo, En Marea levará varias iniciativas ó parlamento non só para saber que actuacións se teñen acometido nos últimos anos para evitar a ruína da edificación senón tamén para propoñer unha alternativa que permita a súa restauración. Neste sentido lembran que se trata dun elemento patrimonial de incalculable valor que está en proceso de declaración coma Ben de Interese Cultural.