A influencia negativa do lume comeza a deixarse notar no sector hostaleiro

    RIBEIRA > O lume está afectando xa a puntos turísticos estratéxicos da zona do Barbanza. O mércores foi necesario desaloxar en Ribeira ós ocupantes do camping Ría de Arosa 2. O monte que rodea as instalacións leva ardendo desde o pasado sábado con focos que se reactivan constantemente. A situación está agora case contralada, pero a intranquilidade entre os campistas é máxima, e moitas das reservas feitas están a ser canceladas.

    Un equipo de Protección Civil tivo que proceder ó desaloxo do camping. Tratouse dunha medida de precaución xa que os focos de lume que rodeaban o lugar estaban a ocasionar unha intensa fumareda e podían poñer en perigo ás persoas alí aloxadas. En total foron 380 os campistas evacuados do lugar e trasladados ó polideportivo da Fieiteira, onde os servicios do concello lles deron comida e aloxamento. Un proceso que se fixo con total normalidade.

    Ó día seguinte comezaban a regresar ó camping de xeito escalonado a pesar de que seguiron a reactivarse diversos focos, unha situación que se mantén desde que o pasado sábado se rexistrara o primeiro incendio. Unha dotación de bombeiros chegados da Comunidade de Madrid encargouse das labores de extinción. O xerente das instalacións, Manuel Domingo Rodríguez, recoñece que esta situación está a acabar co atractivo turístico da zona. Das 180 familias que o sábado se aloxaban no camping, 120 marcharon ese mesmo día cando empezou a areder o monte das inmediacións, unha cifra que foi baixando o luns a 40 ata chegar ás preto de 15 familias que quedaban hoxe no lugar.

    A pesar disto, esta mañá seguían chegando ó camping novos inquilinos, aínda que consideran comprensible que moitos turistas pensen en marchar ou cancelar as súas reservas.

    Agás uns fallos nas liñas telefónicas, o camping non sufríu ningún tipo de desperfecto, posto que o recinto está perfectamente aillado, con bocas de rego e un perímetro que os seus reponsables manteñen saneado e limpo. Ademais, o recinto segue estrictamente a normativa de seguridade disposta na normativa europea. De feito, o xerente do camping recordaba neste sentido que hai pouco máis de 15 días que o camping recibíu a máxima distinción medioambiental, o EMAS, a través da norma ISO 14.001.

    Redacción Barbanza