O lume arrasou o 90 por cento da superficie forestal en Rianxo

    pedropieiro_100_140806.jpgRIANXO > O alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, reuniuse cos presidentes das comunidades de montes da localidade para facer unha avaliación dos incendios que arrasaron con preto do 90 % da superficie forestal do concello. Na reunión tamén falaron das medidas a adoptar para evitar que nun futuro se produzan situacións semellantes.

    Na reunión fíxose unha primeira avaliación dos incendios na localidade e logo de observa-las cifras chegaron á conclusión de que Rianxo foi un dos concellos barbanzáns máis afectado polo lume. Aquí os incendios arrasaron preto de 4.000 hectáreas de superficie arborada, das cales 1.700 eran monte comunal e unhas 2.000 terreos privados, o que supón que o 90% do terreo forestal do concello quedou calcinado a consecuencia das lapas.

    A maior parte dos incendios non se puideron controlar dende a súa orixe debido á escasez de medios humanos e materiais dispoñibles durante esas xornadas polo que a maior parte deles queimaron superficies importantes de terreo ata que foron sufocados. Aínda así o alcalde considera que a actuación das brigadas, en colaboración cos veciños, foi inmellorable e comprensible tendo en conta os numerosos focos rexistrados por toda a comarca.xuntanzarianxo_200_140806.jpg

    Os veciños afectados poderán acollerse ás axudas e subvencións creadas pola administración central e autonómica para estas situacións aínda que Pedro Piñeiro comentou que polo momento non está decidido se solicitarán a declaración do concello como zona catastrófica, xa que primeiro teñen que analizar se as liñas de axuda que regulan as zonas catastróficas son as mais axeitadas para o caso rianxeiro.

    Nesta reunión os comuneiros tamén propuxeron adoptar unha serie de medidas para evitar que esta situación de incendios incontrolados volva a producirse. Neste senso comentaron que  é necesario fomentar a concentración dos montes, tanto comunais coma privados, para facilitar as tarefas de limpeza dos terreos así como poñer coto ás especies arbóreas que se deben plantar nos lugares arrasados polo lume e indicar cales son as máis axeitadas en función das características do terreo. Ademais tamén indicaron a posibilidade de que cada comunidade de montes crease unha patrulla contra incendios propia, grupo que realizaría tarefas de vixiancia e prevención e que en caso de incendio colaboraría cos efectivos de extinción municipais.

    Redacción Barbanza