Viamare ofertará bonos de aparcamento gratuíto ós seus clientes

    RIBEIRA > O Centro Comercial Viamare de Ribeira asinou un convenio coa empresa Mirón Gutiérrez, encargada de xestiona-lo parking do Rueiro para ofertar bonos de aparcamento gratuíto ós seus clientes. Cada establecemento establecerá criterios propios para o reparto dos bonos en función da contía de cada compra.

    O acordo ten como obxectivo a mellora do pequeno comercio ribeirés ofertando un servizo máis completo ós seus clientes así como dinamiza-lo uso do aparcadoiro privado, aberto recentemente. Os comerciantes repartirán bonos de media hora en relación ó gasto realizado polos compradores no seu establecemento, sendo eles mesmos os que establezan os seus propios criterios.

    Esta iniciativa estará en marcha ó longo desta semana, cando estea finalizado o traballo de impresión dos bonos. Actualmente, as instalacións do aparcamento xa están habilitadas para facer efectivo o desconto ós usuarios.

    O responsable da constructora en Ribeira, Lisardo Conde, expresou ademais o seu agradecemento á patronal ribeiresa coa que pretende seguir mantendo unha estreita colaboración en futuros proxectos.

    Redacción Barbanza