A CIG reivindica un convenio a nivel galego para o sector conserveiro

    xuntanzacig_100_170806.jpgRIBEIRA > Responsables da CIG e delegados da conserva mantiveron nha reunión para valorar o convenio estatal do sector. Ó remate da xuntanza, os sindicalistas manifestaron o seu completo rexeitamento do documento. Solicitan que se elabore un convenio a nivel galego, e non estatal, xa que o 80 por cento dos traballadores do sector conserveiro se atopan en Galicia.

    En relación ó anterior convenio existía un descontento xeralizado no sector por considerarse demasiado amplo e pouco específico en determinados puntos. Por iso, pasados os cinco anos de vixencia dese documento, os sindicatos trazaron un anteproxecto que servira como guía ó novo convenio, proxecto no que se recollían unha serie de cambios nos eidos social, laboral e económico favorables ós traballadores e que foi acepatado inicialmente por tódalas centrais sindicais. Porén, CCOO e UGT optaron finalmente por desvincularse do anteproxecto, rompendo o pacto coa CIG e asinando preacordo de convenio proposto pola patronal nos mesmos termos nos que a institución o presentara inicialmente. Unha actitude que desde a CIG consideran deplorable.

    A CIG estima que preto dun 70% dos implicados, entre os que se inclúen delegados de CCOO, UGT e traballadores do sector, están descontentos co contido do convenio estatal. É por isto que a agrupación sindical porá en marcha unha serie de medidas para conseguir que se elabore un convenio estrictamente galego no que se contemplen as demandas dos traballadores. Entre estas medidas están a recollida de sinaturas en tódalas empresas do sector conserveiro galego para emprazar á patronal a que retome a mesa de negociacións. Tamén se convocou para o vindeiro 5 de setembro unha gran concentración en Vigo como mostra de protesta e prevén incluso dirixirse ó Conselleiro de Traballo para que os convenios que afecten ós traballadores galegos se realicen en Galicia e non en Madrid.xuntanzacig_200_170806.jpg

    As resolucións acordadas neste convenio estatal afectarían a preto de 3.000 traballadores do sector conserveiro do Barbanza. Dende a CIG consideran unha imprudencia condenar  a estas persoas a pasar outros 5 anos cun convenio que non contempla avances económicos, sociais nin de emprego significativos.

    Os sindicalistas demandan que, de cara a unhas novas negociacións, se teñan en conta unha serie de reivindicacións contempladas no anteproxecto unitario e que non se recollen no convenio estatal. En primeiro lugar, demandan un incremento salarial de 2 puntos por riba do IPC así coma a contemplación de medidas sociais para os traballadores, coma permisos por consultas médicas ou complementos nas baixas de enfermidade. Tamén denuncian o feito de que non se contemplen medidas que garantan a estabilidade laboral dos traballadores, xa que as persoas contratadas como discontinuas non teñen a posibilidade de acceder a un posto fixo. Aínda así, o punto que consideran máis alarmante é o mantemento do que consideran unha discriminación salarial de xénero, ó non equiparar os soldos das categorías de Fabricación, ocupadas fundamentalmente por mulleres, coa de Oficios Varios, desempeñadas por homes.

    O secretario nacional da CIG manifestou a súa intención da posibilidade de emprender incluso accións legais para loitar contra esta discriminación á que calificou de anacrónica e fóra do sentido común.

    Redacción Barbanza