A Xunta habilitará axudas para os hostaleiros afectados pola vaga de lumes

    conselleiromuios_100_170806.jpgBARBANZA > O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, visitou o Camping Rural ‘Ría de Arosa 2’, na parroquia ribeiresa de Oleiros, para comprobar ‘in situ’ unha das instalacións turísticas máis afectadas pola vaga de lumes que afectou ó concello de Ribeira. Logo desta visita o Conselleiro desprazouse ata Rianxo, onde visitou dúas casas de turismo rural tamén afectadas polos incendios.

    O Conselleiro estivo acompañado na seu percorrido por varios representantes do sector hostaleiro galego como o xerente de Turgalicia, o presidente da Confederación de Hostaleiros de Galicia ou o presidente da Asociación Galega de Campings, entre outros. Tamén os acompañou o xerente do camping ‘Ría de Arosa 2’, que lles comentou cal era o estado das instalacións tralos incendios que se rexistraron na zona a semana pasada.conselleirocamping_200_170806.jpg

    Fernando Blanco anunciou que a Consellería de Innovación e Industria presentará no próximo Consello da Xunta o día 24 unha proposta que pretende habilitar con carácter urxente unha partida de axudas que ascenderá a 3 millóns de euros. Esta inversión destinarase, por unha banda, á posta en marcha de convenios e axudas para os empresarios afectados co obxectivo de reducir ó máximo as consecuencias negativas dos incendios sobre o sector e manter a afluencia turística que acostuman a ter estes lugares nestas datas e por outra,  á realización de campañas de promoción do sector hostaleiro nos medios, campañas que comezarán a mediados da próxima semana.

    conselleiroermida_200_170806.jpgEstas medidas pretenden ademais potenciar a comunidade Galega como un destino turístico máis, un territorio no que, según dixo o Conselleiro, aínda quedan moitos lugares que non foron afectados polo lume e que poden ser visitados polos turistas.

    E a pesares de que a paisaxe devastadora fala por si soa, dende a Consellería de Innovación e Industria din que aínda é cedo para facer un balance da incidencia dos lumes no sector hostaleiro e que haberá que esperar a que remate a tempada turística para facer unha valoración do impacto real.

    Redacción Barbanza