BOIRO> A Conselleira do Mar participou na xornada de conclusións do proxecto de dinamización e igualdade das mulleres do mar, organizado polo Galp Ría de Arousa en Boiro. Numerosas profesionais tomaron a palabra para relatar as súas experiencias laborais no mundo pesqueiro.
O centro social de Cabo de Cruz acolleu a xornada de conclusións do proxecto de dinamización e igualdade das mulleres do mar desenvolvido polo Galp Ría de Arousa. A conselleira do Mar agradeceu o labor desenvolvido pola entidade á hora de dar visibilidade ó peso transcendental das mulleres na economía pesqueira.
Na xornada participaron profesionais dos diversos sectores pesqueiros como mariscadoras a pé e a flote, percebeiras, bateeiras ou redeiras que expuxeron a súa experiencia persoal e profesional.
Rosa Quintana lembrou o compromiso da Xunta co sector a través do Plan Avantemar que conta cun orzamento de setenta e sete millóns de euros para este ano destinados á reactivación económica do complexo mar-industria, dos cales seis millóns van dirixidos ós colectivos de redeiras e mariscadoras.