Ribeira podería optar a un cuarto xulgado na próxima convocatoria

    RIBEIRA> A Consellería de Presidencia investirá cen mil euros na mellora do alumeado e a climatización dos Xulgados de Ribeira. Na visita ás dependencias desenvolvida esta mañá, Alfonso Rueda pronunciouse tamén ó respecto da necesidade dun cuarto xulgado para a vila que dependerá do grao de traballo no momento en que se coñeza o número de novas sedes xudiciais correspondentes a Galicia. Na última convocatoria, a Galicia outorgáronselle catro novos xulgados. Daquela, Ribeira quedou ás portas de facerse cunha cuarta sala debido a que a carga de traballo, aínda que moi elevada, quedou por baixo das outras comarcas que si estrearán xulgado. Unha vez que este ano se fagan públicas as novas prazas correspondentes a Galicia, a Consellería de Presidencia convocará unha xuntanza co Tribunal Superior de Xustiza para valorar se Ribeira se fai con unha delas. En caso afirmativo tan só sería preciso habilitar unha das dependencias superiores, agora sen ocupar. Alfonso Rueda pronunciouse a este respecto na visita ós xulgados de Ribeira onde o departamento que dirixe vai acometer unha serie de melloras cun investimento próximo ós cen mil euros. Renovarase o alumeado, o sistema de illamento térmico e instalarase aire acondicionado nas dependencias que aínda non o teñen. Estas actuacións súmanse ás reformas acometidas nos últimos anos nas dependencias xudiciais da capital barbanzá, entre elas a instalación dunha caldeira de biomasa, que ascenderon a douscentos cincuenta mil euros.