Máis de 350 persoas participan na X Andaina Solidaria de Congalsa

POBRA> As altas temperaturas rexistradas e o calor sufocante dende primeiras horas da mañá non foron razón suficiente para botarse atrás, e máis de 350 persoas, participaron onte domingo na décima edición da Andaina Solidaria de Cogalsa. Unha iniciativa xa consolidada.

Persoal da propia empresa e familiares, representantes de empresas e entidades colaboradoras, autoridades así como veciños en xeral completaron sen apenas dificultade os dez quilómetros desta ruta circular, que seguíu un itinerario marcado pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza e Sar-A Orixe, con saída e chegada na praza Alcalde Segundo Durán.

Dende Congalsa valoraron moi positivamente a iniciativa, que busca aunar actividade física, convivencia e solidariedade.

Toda a recadación da andaina, a través das aportacións das inscricións na proba, así como os alimentos non perecedoiros recollidos antes da saída da proba, serán destinados a cinco ONG’s que traballan na zona, como é o caso ICE Renovación, Cáritas de Ribeira e do Caramiñal, á Cruz Vermella de Ribeira e á confraría da Pobra.