Máis dunha trintena de embarcacións arousás quedarán fóra do paro polo peche do libre marisqueo

    RIANXO> Os pósitos están á espera de que o ISM analice tódalas solicitudes presentadas para poder presentar recursos e que os mariscadores poidan acollerse á prestación por desemprego. O Instituto Social da Mariña continúa revisando as solicitudes presentadas polos pósitos arousáns para poder acollerse ó paro polo peche do libre marisqueo. Das aproximadamente 400 embarcacións que o solicitaron, ó redor dunhas 194 foron xa aceptadas. O resto ou foron denegadas ou están pendentes de resolución. Nunha xuntanza mantida en Vilagarcía polos patróns maiores co responsable do Instituto Social da Mariña, Carmelo Castro, este trasladoulles estes datos, informándolles de que agarda resolver tódolos expedientes durante o vindeiro mes de marzo, para en abril poder entrar a cobrar. Aínda así dende as confrarías arousás non as teñen todas consigo, ó considerar que vai haber moitos mariscadores que van a quedarse fóra. Por esta razón argumentan que non se teña en conta a alternancia de artes senón a actividade principal, para que os traballadores poidan acollerse á prestación por desemprego. Dende os pósitos seguen a pensar que esta non é a mellor solución, aínda que si un parche tras a mala campaña de libre marisqueo deste ano. Segundo o patrón maior rianxeiro, Miguel Ángel Iglesias, os mariscadores que toman esta vía, fano por necesidade, xa que non lles queda máis remedio. A campaña de libre marisqueo volverá abrir en outubro. Por diante máis de sete meses, nos que as confrarías arousás agardan a que a Xunta tome medidas efectivas que permitan a rexeneración da Ría, unha das verdadeiras claves para o futuro do sector.