BOIRO> Un ano máis Barbanza Arousa volve a apostar pola celebración do circuíto de carreiras populares ‘4 carreiras, 1 meta’.
O circuíto presentado esta mañá en Boiro prevé a realización de catro carreiras, unha en cada un dos municipios que conforman a Mancomunidade.
Segundo explicou a xerente da entidade, Fátima Cachafeiro, a proposta ten unha dobre finalidade. Por unha banda fomentar a práctica da actividade física e deportiva, e, por outra, promover o turismo de natureza e activo e desestacionalizar a demanda, demostrando que Barbanza Arousa é un destino para desfrutar durante todo o ano.
O feito de poñer en valor os recursos naturais e culturais polos que se desenvolven estas carreiras, foi tamén un aspecto destacado polo presidente da Mancomunidade, Xosé Ramón Romero.
A primera das catro probas do circuíto terá lugar na Pobra o día 27 de agosto. As seguintes serán Ribeira, o 30 de setembro, e en Rianxo, o 1 de novembro, para rematar en Boiro o día 3 de decembro.
No circuíto poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, sexan ou non federadas. As inscricións poderán realizarse na web da Mancomunidade www.barbanzarousa.gal a partir do vindeiro luns día 7 de agosto.