RIBEIRA> Portos de Galicia sacou a información pública a concesión dunha parcela en Aguiño para a construción dun centro municipal de Deportes Náuticos que acollerá tamén a sede do Club de Remo. Trátase dunha zona consensuada entre o concello e a entidade deportiva para emprazar esta infraestrutura.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio da concesión ó concello de Ribeira dunha parcela situada no recinto portuario de Aguiño para a creación dun centro de deportes náuticos. O chan demandando polo concello comprende algo máis de 1100 metros cadrados para unha parcela cunha superficie total de 2.235 metros cadrados. O terreo está urbanizado, sen desnivel destacable e con tódolos servizos de saneamento e abastecemento ó pé da parcela, sen supoñer un relevante impacto visual na fronte marítima da localidade.
Segundo o proxecto elaborado pola empresa Oxil Arquitectura, o centro tería unha superficie útil de 1065 metros cadrados, repartidos en dúas plantas, deixando o resto de espazo libre para permitir manobras, prazas de aparcamento ou futuros crecementos. A planta baixa destinarase ó almacenamento de embarcacións e entrada ó club de remo coa recepción e o foxo. No primeiro andar haberá un salón multiusos e despacho así como un baño adaptado, vestiarios, ximnasio, zona fitness e cardio.
A obra suporá un investimento de 1’2 millóns de euros e virá complementar as obras de remodelación da fachada marítima de Aguiño que se están a desenvolver no marco da EDUSI Máis Ribeira Atlántica nas que se inclúe tamén unha pista de pump track e calistenia.