O PSOE da Pobra solicita a mellora dos parques infantís da localidade

    POBRA > A agrupación socialista da Pobra vén de denunciar o mal estado no que se atopan as instalacións dos diferentes parques infantís do concello. Os socialistas espuxeron o listado de deficiencias que revisten estes espazos, amosando incluso fotografías ilustrativas dos desperfectos. Insisten en que o seu deber como oposición é recordar ó executivo as promesas que non cumpre,  e que así o seguirán facendo ata que se celebren as vindeiras eleccións municipais

    Segundo os socialistas pobreses, o actual executivo descoidou en grande medida o mantemento destes espacios de ocio en todo o concello, e incluso os recintos de recente creación coma o de Venecia, non cumpren coa normativa de seguridade establecida na Lei de Parques, ó non dispor dun valado que aille o espazo de xogos da estrada. En total son seis os parques nos que a agrupación socialista atopou desperfectos serios: o parque do Castelo, o do Alto do Maño, o do Camiño Ancho, o de Cabío, ademáis dos de Venecia e o situado detrás do Lapido. Entre as deficiencias atópanse columpios descolgados, ferros oxidados ou tobogáns furados. Así o expliba o secretario xeral, Andrés Rey, facendo referencia ó parque do Castelo.

    Andrés Rey indicou que o que pretenden os socialistas con este tipo de denuncias é recoller as demandas dos veciños e dar un toque de atención ó executivo. Trátase de que Isaac Maceiras recorde o que eles consideran promesas incumpridas, facendo referencia ó anunciado polo alcalde cando o pasado mes de outubro a propia Consellería de Familia recoñeceu o mal estado dalgúns parques. Foi entón cando Maceiras anunciou a realización dunha serie de reformas que a día de hoxe aínda non se realizaron.

    Pola súa banda, Isaac Maceiras xa saíu á palestra para respostar a estas acusacións. Maceiras aconsella ós socialistas que se informen antes de realizar este tipo de denuncias, xa que, segundo o alcalde, o executivo pobrés realizou a principios de ano un estudo sobre o estado dos parques do concello e as reformas que se deberían levar a cabo para adaptalos á nova lexislación. O documento xa foi presentado o pasado mes de xuño ante a Administración e agora están á espera de que esta instancia aprobe unha serie de axudas para acometer ditas reformas.

    Redacción Barbanza