O Supremo ratifica a condena á acusada do accidente mortal de Palmeira

BARBANZA> O Tribunal Supremo confirma a condena a doce anos e medio de prisión ditada pola Audiencia Provincial da Coruña e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para a condutora que en maio de 2019 causou o dobre accidente mortal en Palmeira.

Era o último recurso da acusada para diminuír a pena.

O Alto Tribunal ratifica que a acusada é culpable de dous delitos de homicidio doloso, ademais dun delito contra a seguridade vial.

O sinistro producíase na estrada AC-305, no límite entre a Pobra e Ribeira, á altura de Palmeira. A condutora invadiu o carril contrario nunha curva e colidiu frontalmente contra o coche no que viaxaban dous mozos da Pobra, Sara Lampón e Abraham Muñiz, que faleceron no acto.

As probas demostraron que a acusada conducía baixo os efectos do alcol e tamén dos fármacos, ademais de superar en 60 quilómetros por hora o límite permitido na vía.

O Tribunal considera tamén probado que, antes do accidente mortal, a condutora xa puxera en risco a vida doutros usuarios da vía.

O caso senta un precedente legal ó cualificar o delito como homicidio doloso en lugar de imprudencia temeraria, o que supón penas máis severas.

Ademais da pena de prisión, a sentenza inclúe a prohibición para a acusada de conducir durante oito anos.