Carril da saque a máis de 2.000 quilos de ameixa

    VILAGARCÍA > Non quedou nin unha soa na cuncha. As miles de persoas que se deron cita na Alameda de Carril deron saque ós dous mil kilos de ameixas que se serviron durante a degustación. Carril celebrou a décimo sexta edición desta feita na que tivo lugar o solemne acto de investidura dos novos membros da orde da ameixa.

    Como Gran Mestre da Orde, a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, non quixo perder a oportunidade de dar a benvida ós novos compoñentes da orde da Ameixa. Acompañada por outros membros, a responsable de pesca fixo entrega da chapela e maila fita ós galardoados coa ameixa de prata e de ouro.

    A responsable de pesca eloxiou a calidade do produto e o traballo desenvolvido polo sector produtivo de Carril e certificou o apoio de Pesca a todo canto atinxe á mellora do cultivo, a investigación e comercialización. festaameixa_200_210806.jpg

    Pero sen dúbida un dos momentos máis emotivos do acto foi cando o alcalde de Vilagarcía, Javier Gago entregou a boina, a banda e o anciño a Carmen Meaños, que onte se converteu en dama da entidade. Os outros protagonistas da festa foron as miles de persoas que non se perderon o evento e que deron saque ás seis mil racións das tradicionais ameixas á mariñeira e ás 500 de ameixas con fideus e fabas. Tras facer coa e pagar sete euros por ración, houbo quen non perdeu incluso a oportunidade de sopetear na salsa.

    Redación Salnés