As obras de abastecemento de auga a Cespón estarán rematadas no prazo previsto

    BOIRO > A Consellería de Medio Ambiente, a través do organismo Augas de Galicia, iniciou hai varias  semanas a instalación da rede de abastecemento de agua na parroquia boiresa de Cespón. A actuación, cun presuposto de 660 mil euros, está a ser realizada pola empresa Industrias do Deza e con ela darase servizo a máis de dous mil veciños.

    A Consellería de Medio Ambiente está a levar a cabo actualmente a instalación da rede de abastecemento de auga en Cespón, cumprindo así o compromiso adquirido polo propio titular deste departamento, Manuel Vázquez, durante a visita realizada a principios de ano a Boiro, onde tivo tempo de falar con parte dos veciños que se beneficiarán desta actuación.

    Os traballos están a ser realizados pola empresa Industrias do Deza cun presuposto que se achega ós 660 mil euros e un prazo de execución de doce meses, polo que a actuación podería estar rematada a mediados do vindeiro ano.A instalación desta rede de abastecemento de auga beneficiará a uns 2.200 veciños aproximadamente.

    Segundo o edil de Obras e Servizos boirés con esta obra os problemas de presión e mesmo carencia de auga dos veciños da parroquia de Cespón veranse solucionados grazas á instalación dunha nova traída de auga procedente do río Ulla.

    Xoán Xesús Ares sinalou tamén que esta obra vén a complementar os traballos de ampliación da rede de tratamento de augas residuais que se está a levar a cabo en varios núcleos do municipio co fin de achega-los servizos básicos a tódolos núcleos de poboación.

    Redacción Barbanza