Abre a Feira do Libro de Rianxo con oito librarías participantes

RIANXO> Este mediodía arrancou en Rianxo a Feira do Libro. Xunto co pregoeiro, Anxo Angueira, participaron no acto responsables do concello e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Anxo Lorenzo. A programación estenderase ata o domingo con numerosas presentacións literarias e actividades de animación para tódolos públicos.

A historia de Rianxo vai estreitamente ligada á literatura. De aí, o importante peso da feira do libro nesta localidade que cada ano atrae a milleiros de visitantes. Nesta edición son oitos as librarías participantes que ofrecen as principais novidades editorial cun desconto do dez por cento.

Ademais de adquirir libros, as persoas que se acheguen a Rianxo ata o domingo poderán participar nas numerosas actividades enmarcadas na programación da feira que coincide coa Festa da Xouba.

Este mediodía arrancaba oficialmente co acto inaugural e a lectura do pregón a cargo de Anxo Angueira. O mestre de cerimonias destacou a importancia deste evento para dar a coñecer os talentos emerxentes e seguir a promover ós escritores xa consolidados que cada vez son máis na comarca.

Haberá que agardar ó remate da feira para facer balance de visitantes e vendas pero dende a federación xa adiantaron que Rianxo sempre é un éxito polo que o próximo ano ampliarase o número de expositores.