CIG, UXT e CCOO convocan tres xornadas de folga na conserva

RIBEIRA> UXT, CIG e CCOO convocan unha folga no sector da conserva para os días 21 de xaneiro e 3 e 4 de febreiro. Pretenden, deste xeito, avanzar na negociación dun convenio colectivo máis xusto que acabe coa brecha salarial de xénero e garanta o poder adquisitivo dos traballadores.

Case un ano despois de terse iniciado a negociación dun novo convenio colectivo para o sector da conserva en Galicia, as negociacións están practicamente estancadas.

As organizacións sindicais representadas na mesa de negociación denuncian a falla de vontade da patronal que se limita a reproducir o contido do anterior convenio sen introducir melloras nas condicións dos traballadores.

Ademais das demandas salariais, o obxectivo principal dos traballadores é acabar coa brecha de xénero que arrastra un sector maioritariamente feminino.

Demandan tamén que as quendas para traballar en fin de semana e festivo non sexan impostas senón acordadas cos traballadores que deberán ademais percibir un complemento superior que o proposto pola patronal.

Os convocantes fan un chamamento a tódolos traballadores a secundar a folga que se desenvolverá en tres xornadas. A primeira este venres 21 de xaneiro no que terá lugar unha concentración ás 12 na praza do concello de Boiro. O paro repetirase o 3 e 4 de febreiro.