Sanxenxo presenta o proxecto dun novo porto na zona de Portonovo

    SANXENXO > Un novo Portonovo. Este é o lema do proxecto presentado polo alcalde de Sanxenxo para a zona portuaria de Portonovo. Un proxecto que quere parecerse ó que se fixo no porto de Sanxenxo aínda que máis centrado na actividade pesqueira que na deportiva. O seu presuposto superaría os 21 millóns de euros se ben polo de agora tan só é un proxecto do concello que tería que pasar moitas fases antes de converterse nunha realidade.

    telmoplanoportonovo_300_220806.jpgSegundo o proxecto, faríase un novo club náutico que substituiría ó actual, na saída do espigón faríase o club de piragüismo, a zona verde sería unha gran praza con parquin soterrado que só levantaría 80 centímetros da rúa, de xeito que non cortaría a vista ó mar. Manteríase a rotonda actual que dá entrada á lonxa e faríase un vial interno de uso exclusivo para os pescadores que terían outro porto para grandes embarcacións e onde irían tamén tódolos servizos para este sector.

    Un proxecto que cumpre varios obxectivos. Aínda que polo momento só se trata dunha idea, conta con tódolos estudos favorables, polo que o alcalde confía en que teña o apoio dos organismos competentes: Costas e Xunta. De momento o patrón maior, José Antonio Gómez, si parece ser favorable a este proxecto. Gómez exporalle o día 2 de setembro o proxecto ós órganos de goberno da confraría para que dean o visto bo.

    Ademais tódolos veciños poden consulta-lo plano na confraría, onde estará exposto durante varias semanas. Deste xeito o concello pretende sabe-la opinión de todos antes de da-los vindeiros pasos para poñer en marcha a obra.

    Redacción Salnés