O alcalde de Boiro demanda á Xunta melloras en varios treitos da AC-305

BOIRO> O alcalde de Boiro mantivo un encontro coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade para abordar unha serie de melloras na estrada comarcal AC-305 ó seu paso polo municipio. Destacan os treitos urbanos da rúa Principal e de Escarabote.

As demandas propostas polo alcalde de Boiro, José Ramón Romero, ante a Consellería de Infraestruturas son froito do traballo desenvolvido nos últimos meses pola Fundación Ría. Esta entidade, dirixida polo arquitecto David Chipperfield, realizou un estudo sobre as necesidades que presentaba a comarca para a súa vertebración e mellor comunicación, coordinado polo arquitecto Manuel Rodríguez.

Precisamente, a estrada comarcal AC-305 que conecta os catro concellos barbanzáns presenta unha serie de deficiencias. No que compete ó concello de Boiro destacan o treito urbano que discorre pola rúa Principal e o paso desta estrada polo núcleo de Escarabote. O alcalde trasladou á Conselleira a necesidade de reubicar os pasos de peóns e a colocación de refuxios posto que presentan numerosas paradas de transporte.

Ademais destas melloras, José Ramón Romero, destacou a necesidade de mellorar a sinalización dos principais accesos ó municipio así como dos seus recursos turísticos. Tras esta primeira toma de contacto, está prevista unha nova xuntanza para finais de mes na que estarán presentes os catro alcaldes de Arousa Norte. Abordaranse cuestións como o saneamento ou a mellora do transporte público e da conexión do Barbanza con Santiago.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí