LOUSAME> Denegada a suspensión cautelar da autorización de vertidos da mina de San Finx solicitada pola Fundación Montescola. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia determinou que se tramite de xeito ordinario e non pola vía urxente que supón a adopción de medida cautelarísima.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de denegar a adopción de medida cautelarísima consistente na suspensión da autorización de vertido da mina de San Finx solicitada pola Fundación Montescola.
A sección segunda da Sala do Contencioso Administrativo lembra que as medidas cautelarísimas se adoptan sen oír á parte contraria polo que é necesario apreciar unha especial urxencia, algo que non procede neste caso. Por esta razón, acordou a tramitación polo trámite ordinario por entender que é máis garantista, en canto que permite a intervención de tódalas partes coa posibilidade de facer alegacións e achegar a proba que consideren precisa.
A Fundación Montescola solicitara a adopción desta medida dentro do recurso interposto contra a resolución da Xunta que rexeitaba a suspensión da autorización. Polo tanto, o obxecto do recurso non era a autorización de vertidos senón a denegación por parte da administración da solicitude de paralizar a mesma. A resolución do TSXG é firme e non cabe presentar recurso.