Ribeira terá tamén esta fin de semana a súa ‘feira de rebaixas’

    RIBEIRA > Seguindo o exemplo de concellos coma Vilagarcía ou Boiro, Ribeira organizará esta fin de semana a súa feira de rebaixas na que participarán 27 establecementos da cidade. O encontro terá lugar no pavillón deportivo de Coroso baixo a denominación de ‘Viamare Stock’ e nel poderanse atopar artigos de gran calidade a prezos moi rebaixados.

    As portas do pavillón deportivo de Coroso abriranse o vindeiro venres ás seis da tarde. A partir dese momento os curiosos que se acheguen ata o lugar poderán atoparse artigos do máis variado a prezos moi asequibles. En total son 27 os establecementos que ó longo da fin de semana porán á venda o material da tempada pasada, unha oferta moi ampla xa que os comercios que participan na feira pertencen a 18 ramos diferentes.

    Tódolos establecementos participantes pertencen ó Centro Comercial Aberto ‘Viamare’, encargado de organizar o evento. Segundo a súa xerente, os comerciantes están moi ilusionados con este proxecto, e aínda que polo de agora non teñen ningunha estimación de asistencia, agardan que o ‘Viamare Stotock’ teña unha acollida semellante a outras feiras como a de Vilagarcía e se acheguen polo pavillón preto de sete mil persoas. Ademais, os organizadores encargáronse de programar outras actividades que actúen como atractivo para o público.

    Hoxe xa se comezaron a instalar os diferentes stands no pavillón de Coroso e agárdase que mañán esté todo listo para que o venres pola mañán os comerciantes poidan ir colocando tódolos artigos. Ese día a feira permanecerá aberta ó público desde as seis ata as dez da noite, mentres que o sábado e domingo poderáse visitar en horario ininterrompido desde as once da mañá ata as dez da noite. Un dos aspectos que máis polémica creou entre os organizadores do evento foi a gratiudade da entrada. Ó final os adultos que asistan á feira terán que pagar un euro por acceder ó recinto, un importe que contribuirá a financiar os custes de montaxe deste evento.

    Redacción Barbanza