Boiro celebrou a súa I Festa da Tapa

    BOIRO > A Asociación Boirense de Empresarios organizaou a primeira festa da tapa, unha iniciativa promovida pola patronal co obxectivo de dinamizar o sector hostaleiro da localidade. O Restaurante Xoanes e o Mosteiro de Santo Estevo foron os establecementos premiados nesta primeira edición.

    Un total de 13 establecementos hostaleiros asociados á Asociación Boirense de Empresarios participaron na primeira festa da tapa. O xurado, composto por tres recoñecidos restauradores da localidade, percorreron a partir das once e media da mañá os locais para valorar as tapas presentadas a concurso, receitas que tamén puideron ser degustadas polos clientes durante toda a xornada. Os establecementos podían participar con dúas tapas diferentes: unha na que o ingrediente fundamental fora o mexillón e outra tapa libre, con ingredientes elixidos polos propios concursantes. As tapas foron valoradas polo xurado en función do sabor, presentación e orixinalidade, resultando gañadoras aquelas que acadaron a maior puntuación seguindo estes tres criterios. Os membros do xurado tiveron unha difícil labor á hora de puntuar os traballos debido á calidade dos pratos presentados. Finalmente, e por escasa marxe de puntos, resultaron gañadores o Restaurante Xoanes, na categoría de mellor tapa de mexillón, e o Mosteiro de Santo Estevo, pola mellor tapa de ingredientes libres, establecementos premiados cunha fin de semana para dúas persoas nun balneario de Galicia e nunha casa de turismo rural respectivamente. 

    Ademais, e ante a calidade dos pratos presentados, o xurado fixo dúas mencións especiais, unha ó restaurante Arume e outra ó Don Paquito. Tanto os premiados como os participantes recibirán un agasallo conmemorativo da festa mañá as sete e media da tarde no restaurante boirés Chicolino.

    Redacción Barbanza