‘Viamare Stock’ pechou as súas portas cun gran éxito de vendas e asistencia

    RIBEIRA > O pavillón polideportivo de Coroso acolleu a primeira feira de produtos de stock organizada na localidade. Nela os establecementos adheridos ó centro comercial aberto ‘Viamare’ pretendían dar saída a produtos doutras tempadas a prezos moi rebaixados, unha iniciativa que nesta primeira edición se pechou cun gran éxito de asistencia. 

    Unhas 10.000 persoas achegáronse ata as instalacións do polideportivo municipal de Coroso para visitar a primeira feira de produtos de stock organizada na localidade. Para entrar ó recinto os adultos tiveron que pagar un euro, un importe simbólico que contribuiu a financiar os custes de montaxe deste evento. Os nenos, pola contra, podían acceder de xeito gratuito. Paseando polas instalacións podían observarse produtos do máis variado dende roupa e complementos ata mobiliario, xoguetes ou produtos de telefonía, e todo a un prezo rebaixado, polo que non eran moitos os que saian da feira sen mercar nada.  

    Ademais, os organizadores encargáronse de programar outras actividades que actuaran como atractivo para o público. Deste xeito, e como complemento á feira, desenvolvéronse distintas actuacións paralelas como exhibicións de aerobic, step e cycling a cargo do ximnasio Natural Sport ou un globo aerostático no que puideron subir todas aquelas persoas que fixeran algunha compra.

    Os comerciantes amosáronse satisfeitos coas vendas rexistradas durante os días que durou a feira e indicaron que esperan volver a participar na iniciativa o vindeiro ano. Ademais o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, comentaba que á vista dos bos resultados incluso barallan a posibilidade de organizar unha feira similar na campaña de inverno. 

    Redacción Barbanza