RIBEIRA > O grupo municipal do BNG de Ribeira vén de manifestar o seu desacordo ante a posible colocación dunha antena de telefonía móbil no lugar da Revolta da Lomba en Palmeira. No caso de que esta actuación se leve a cabo, os nacionalistas solicitan ó concello a presentación dun informe de avaliación ambiental que garanta a seguridade desta instalación.
No lugar da Revolta da Lomba, en Palmeira, estase a proceder ó marcado dunha parcela que, segundo as informacións proporcionadas polos veciños, vai ser destinada á instalación dunha antena de telefonía móbil. A noticia está a crear unha considerable alarma social entre os residentes no núcleo posto que o lugar está ó carón das vivendas e á beira dun camiño. Segundo a Lei de Protección Ambiental de Galicia, este tipo de instalaicóns deben estar sometidas a procedementos de previa avaliación de incidencia ambiental e deben establecerse condicións de protección do dominio público radioléctrico, restriccións ás emisións e medidas de protección sanitaria. Así mesmo, a normativa establece que os concellos deben informar á administración autonómica das peticións sometida só réxime de avaliación de incidencia ambiental así como da licencia outorgada en cada caso e ddarase especial relevancia ós trámites de información pública facilitando a presentación de alegacións, suxestións e propostas alternativas.Por todos estes motivos, o grupo municipal do BNG considera que o lugar da Revolta non é o máis axeitado para unha instalación deste tipo. A súa voceira, Dominga Brión, vén de presentar un escrito na alcaldía no que solicita ó concello información sobre se se vai levar a cabo esta actuación. No caso de que a resposta sexa positiva, o BNG insta ó concello a solicitar o informe de avaliación de impacto ambiental preciso e darlle publicidade ós trámites de exposición pública para facilitar a presentación de propostas alternativas.
Redacción Barbanza