Once traíñas competirán por facerse coa ‘Bandeira Concello da Pobra’

    POBRA> A dársena pobrense será escenario este próximo sábado da undécima edición da Bandeira Concello da Pobra do Caramiñal, enmarcada no calendario de regatas da Liga Galega de Traíñas A proba arrancará ás seis da tarde. A competición da Liga Galega de Traíñas A regresa este próximo sábado á comarca do Barbanza, coa disputa da undécima edición da Bandeira Concello da Pobra do Caramiñal. A cita está organizada polo Club Remo Puebla en colaboración co propio Concello e a Federación Galega de Remo e nela daranse cita un total de once clubs distribuídos en tres quendas. O club anfitrión, o Club Remo Puebla, que ocupa a segunda posición na clasificación xeral, confía en obter un bo resultado, sendo ademais un dos favoritos xunto a Samertolameu de facerse coa Bandeira. Dende o Concello destacaron a importancia desta regata, e da aposta que se fai dende o equipo de goberno polo fomento deste deporte tradicional. A cita arrancará ás seis da tarde coa primeira das quendas. En xogo uns nove mil euros que se repartirán entre tódolos clubs participantes en función da súa clasificación na regata.