A rede de saneamento boiresa contará cunha telealarma para detectar avarías

    BOIRO > O concello de Boiro instalará un sistema de telealarma na rede municipal de saneamento para alertar ós técnicos das posibles avarías que se produzan nas estacións de bombeo. A actuación inmediata evitará a aparición de vertidos de augas fecais como o rexistrado a pasada semana na praia de Barraña.

    Os responsables do executivo boirés adoptaron esta decisión tras manter unha xuntanza con membros de Espina e Delfín, empresa encargada do mantemento da rede de sumidoiros. Os técnicos propuxeron a instalación do sistema de telealarma como solución máis efectiva para evitar os vertidos contaminantes que se rexistran con frecuencia no municipio. Este mecanismo alertará ós técnicos cando se paralice unha estación de bombeo para que estes poidan así actuar de forma inmediata. O concelleiro de obras de Boiro, Juan Jesús Ares, indicou que a instalación destas alarmas suporá unha inversión de preto de 22 mil euros, cantidade que será sufragada na súa totalidade polo concello boirés.

    No transcurso desta xuntanza, os técnicos da empresa Espina y  Delfín tamén plantexaron ó edil de obras a posibilidade de instalar trituradores nos pozos de bombeo que desfagan tódolos desperdicios xa que vertidos como o rexistrado a pasada semana na praia de Barraña se producen, segundo os seus estudios, pola acumulación de residuos sólidos que obstruen as entradas dos pozos de bombeo. Juan Jesús Ares visitará nos próximos días a comarca do Salnés, onde algún concello xa dispón destes trituradores. A súa intención é comprobar o resultado real deste mecanismo antes de acomete-las obras na localidade. Ademais indicou que se se constata a súa efectividade na erradicación de vertidos, non dubidará en solicitar unha subvención a Augas de Galicia para implantar este sistema en Boiro.

    Redacción Barbanza