RIBEIRA > Tralo acordo do pleno de apoiar o mantemento da estrutura do IES Coroso, a comunidade educativa seguirá co seu programa de mobilizacións para evita-la supresión da Secundaria no centro. O próximo venres, representantes da ANPA desprazaranse ata Santiago co obxectivo de realizar unha protesta diante das dependencias da Consellería de Educación.
A entrevista que o alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, solicitará proximamente á Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, tal e como se acordou no pleno do pasado luns, non é a única medida que adoptará a comunidade educativa para excluír ó IES Coroso do regulamento para centros integrados decretado polo goberno.
Os membros da Asociación de Nais e Pais teñen previsto desprazarse na mañá do venres ata as dependencias da Xunta de Galicia en San Caetano, onde realizarán unha manifestación diante da Consellería de Educación. Esta é a única saída que lle queda á comunidade educativa para ser escoitada, tras varios días de mobilizacións e medidas de presión.
Os membros do Instituto de Coroso contan co apoio da maior parte da comunidade educativa de Ribeira posto que o decreto non suporá unicamente o desmantelamento do centro senón tamén a masificación dos outros institutos públicos.
Neste sentido, tanto os mestres como os membros da ANPA, solicitan ó goberno da Xunta que cumpra o seu compromiso de potencia-lo ensino público de calidade en lugar de beneficiar a ensinanza privada. Neste sentido, o deputado nacionalista Manuel Parga vén de presentar unha iniciativa no Parlamento solicitando que nos se supriman unidades nin postos de traballo no eido público.
Redacción Barbanza