Os veciños de Carreira solicitan unha mellora integral das rúas da parroquia

    RIBEIRA > Un grupo de veciños de Carreira veñen de denunciar o estado de abandono no que se atopan as principais rúas desta parroquia. Segundo denuncian, os viais atópanse moi deteriorados a causa das obras que se realizan nas súas inmediacións polo que instan ó executivo a realizar unha actuación integral de mellora na parroquia.

    Esta situación non é nova senón que os veciños de Carreira veñen denunciando dende hai xa tempo o mal estado que presentan moitas infraestruturas. Segundo explican, o principal problema é o abandono das rúas e camiños que hai anos que non se arranxan polo que se atopa nun estado lamentable.

    Na actualidade, unha das vías en peores condicións é a rúa da Fontenla que rexistrou un derrubamento na marxe dereita a causa do paso continuado de camións co que hoxe é practicamente intransitable.

    Os veciños solicitan ó concello que deseñe un plan de mellora integral para este núcleo deixando así atrás o abandono ó que, segundo eles, está sendo sometida esta parroquia.

    Pola súa banda, o BNG xa se fixera eco desta problemática o pasado mes de xullo cando levara a pleno a solicitude de arranxo da rúa Fontenla. A pesar das súas peticións, o excutivo municipal non iniciou ningunha actuación na zona polo que instan ó goberno a acomete-la mellora das rúas de Carreira no prazo máis breve posible.

    Redacción Barbanza