RIBEIRA > A Asociación de Veciños ‘A Batiola’ de Castiñeiras celebrou este mércores pola noite unha xuntanza con representantes dos principais partidos políticos parar valorar as posibles liñas de actuación para conseguir que o Ministerio de Medio Ambiente reconsidere a resolución adoptada para a zona. No encontro chegouse ó acordo de solicitar ás autoridades competentes un certificado que constate que o lugar era solo urbano con anterioridade á Lei de Costas.
Na reunión cos veciños, á que acudiron os representantes parlamentarios do PSOE, PP e BNG así como a presidenta do Partido Independente de Ribeira, houbo consenso á hora de decidir qué proceso se debería seguir para que Medio Ambiente faga unha revisión da resolución tomada que establecía unha zona de servidume de cen metros na zona dos Areeiros. Segundo indicou o presidente da asociación de veciños, a solución pasaría por xestionar unha entrevista co Director Xeral de Urbanismo para solicitarlle a realización dun informe que certifique que a zona afectada era núcleo rural urbano antes da entrada en vigo da Lei de Costas do ano 88.
Ese informe sería un argumento máis a favor para que o Ministerio de Medio Ambiente reconsiderara a resolución adoptada para o lugar e que establecese unha nova zona de servidume de protección de vintecinco metros.
O deputado do Partido Socialista, José Manuel Lage, comprometeuse diante dos veciños a xestionar personalmente todo o proceso para que esa entrevista co Director Xeral de Urbanismo, e polo tanto o informe, se realicen canto antes para que no prazo máis breve posible se proceda á modificación do deslinde na zona dos Areeiros. Ademais, de xeito paralelo a esta nova opción os veciños afectados continuarán co procedemento contencioso administrativo que presentaron contra a Demarcación de Costas, un recurso máis co que intentan obter unha resposta satisfactoria por parte de Medio Ambiente.
Redacción Barbanza