Unhas trinta actuacións compoñen a programación da ‘Fiestra da Cultura’ de Ribeira

RIBEIRA> Un ano máis, o verán chegará a Ribeira cunha oferta cultural do máis variado. Trátase das actuacións e espectáculos incluídos na ‘Fiestra da Cultura’ que traerán todo tipo de actividades durante os meses de xullo, agosto e parte de setembro.

Un total de trinta actividades integrarán a programación da Fiestra da Cultura para este verán que se desenvolverá durante os meses de xullo, agosto e parte de setembro. A concelleira de Cultura, María Sampedro, xunto cos técnicos do seu departamento, foron os encargados de debullar o extenso calendario que incluirá concertos, actuacións cómicas, cine ao aire libre ou contacontos, entre outras.

As actividades arrancarán xa este sábado no Paseo do Malecón, ás dez da noite, cunha actuación na que se mestura circo con música e teatro físico. Entre as actuacións máis destacadas figura o concerto de Sés o 18 de xullo na praza da Porta do Sol, o mércores 31 o concerto de Aviones Plateados tamén no Malecón ‘Tributo a El último de la Fila’ ou as actuación de Maldita Nerea e Rosario Flores os días 2 e 3 de agosto, en plenas festas do verán. Algunhas das convocatorias están organizadas directamente pola concellería de Cultura, moitas delas en colaboración coa Deputación ou a Xunta, e outras están promovidas polo propio tecido asociativo local. En definitiva todo un abano de posibilidades para satisfacer os gustos tanto de veciños coma visitantes que acudan este verán a Ribeira.