O concello de Rianxo homenaxeará ós autores da ‘Rianxeira’

    RIANXO > Anxo Romero Lojo e Xesús Frieiro Dourado, autores da coñecida canción ‘A Rianxeira’ serán homenaxeados esta fin de semana en Rianxo. Entre os actos programados destaca a o traslado das cinzas dun dos autores ó cemiterio municipal e a inauguración dunha rúa na súa honra.

    O Concello de Rianxo organizou para o vindeiro sábado e domingo unha serie de actos de homenaxe e recoñecemento a Anxo Romero Lojo e Xesús Frieiro Dourado, autores da universalmente coñecida canción da ‘Rianxeira’. Ambos foron nomeados fillos predilectos da localidade nun pleno celebrado pola corporación municipal no ano 67, momento no que se acordou que unha rúa da Rianxo levaría o seu nome. Agora, case corenta anos despois da súa morte, o executivo local quere cumplir con aquel acordo plenario polo que decidiu organizar unha homenaxe na súa honra, unha homenaxe pública e cunha dimensión popular, tal e como os autores concibiron a canción.

    O actos comezarán o sábado ás oito da tarde coa recepción dos familiares máis directos dos autores no salón de actos do concello. Media hora máis tarde, terá lugar a inauguración e apertura da exposición ‘Ondiñas da nosa ría’, coa que se pretende dar a coñecer ós autores a historia da tan coñecida canción. Dita mostra, que reúne obxectos inéditos cedidos para a ocasión por diferentes agrupacións e particulares, estará exposta ó público na Casa da Cultura ata o venres 15 de setembro. Xa pola noite terá lugar un festival popular no que participarán distintas agrupacións musicais do concello. O programa da xornada do domingo contempla o recibimento dos restos de Anxo Romero, ás once e media da mañá, e o seu traslado e depósito no cemiterio municipal e á unha e media a inauguración dunha rúa na honra dos dous autores.

    Os actos de homenaxe rematarán o domingo ás nove cun concerto das corais da localidade.

    Redacción Barbanza