Uns mozos disfrazados asestan dúas puñaladas ó porteiro dunha discoteca

    discotecatonos_100_200207.jpgBOIRO > O porteiro dunha discoteca resultou ferido ó recibir dúas puñaladas no transcurso dunha liorta producida durante a madrugada do pasado domingo

    A Garda Civil sospeita que os autores da agresión foron un grupo de mozos disfrazados que acudiron ó local hostaleiro para disfrutar das festas de entroido.

    Ó parecer e segundo informaron fontes policiais o suceso tivo lugar pasadas as tres da madrugada do domingo. O porteiro da discoteca Tonos, que responde ás iniciais de J.L.A.V., de 35 anos e natural de Cangas, aínda que na actualidade residente en Ribeira, recibiu dúas coiteladas despois de prohibirlle a entrada ó local a un xoven que pretendía acceder á discoteca co rostro cuberto por unha máscara. Ante a negativa dos empregados a deixalo pasar, orixinouse unha pequena liorta que rematou co acoitelamento do porteiro.

    discotecatonos_200_200207.jpgAta o lugar do suceso achegáronse ademais de varios axentes da Garda Civil de Boiro, efectivos da Policía Local, que iniciaron rapidamente as investigacións para dar co posible autor dos feitos.

    Despois de que prestaran declaración varias testemuñas, os axentes identificaron ó presunto culpable, procedéndose á súa detención. Ó parecer o presunto agresor, que responde ás iniciais de J.R.V, de 20 anos de idade e natural de Ribeira, xa tiña antecedentes por feitos semellantes.

    A consecuncia das feridas o porteiro tivo que ser trasladado ata o Hospital Comarcal do Barbanza onde foi atendido e do que xa lle deron a alta.

    Redacción Barbanza