MUROS> A investigación, da que se fixo cargo o Xulgado de Muros, iniciouse tras as denuncias presentadas por varios hostaleiros de negocios localizados en Boiro, Noia ou Padrón, entre outras localidades galegas.
Segundo informaron fontes do Instituto Armado, os investigados, un total de cinco persoas con domicilios en Almería, Cádiz, Girona, Málaga e Vigo, contactaban telefonicamente co establecemento facéndose pasar por empregados da empresa subministradora de electricidade, informándolles da existencia dunha suposta débeda pendente de pago, advertíndolle de que se non a abonaban de forma inmediata, se procedería ó corte da luz.
Segundo os datos facilitados pola Garda Civil o importe total estafado ascende a preto dos 11 mil euros.
Dende a Garda Civil fan unha serie de recomendacións para evitar na medida do posible este tipo de estafas, máis frecuentes do que se cre.
Dende o Instituto Armado apuntan a que, antes de realizar o pago, se verifique a información, contactando directamente coa empresa subministradora a través das canles oficiais, desconfiando de calquera solicitude de transferencia inmediata baixo a ameaza de suspensión do servizo.











