O Celta e Rayo Vallecano fanse co I Torneo Solidario Fútbol-8 da Pobra

POBRA> A recadación do torneo, celebrado esta pasada fin de semana con gran éxito, irá a parar á Asociación Española contra o Cancro. O estadio da Alta acollía durante toda esta fin de semana o primeiro Torneo Solidario Fútbol-8 Concello da Pobra do Caramiñal para categorías benxamín e alevín. No torneo tomaron parte uns 55 equipos, ou o que e o mesmo máis de oitocentos nenos de clubs tan senlleiros coma o Porto de Portugal, o Rayo Vallecano, o Sporting de Gijón ou o Valladolid, entre outros. Á final na categoría benxamín chegaron o Porto e o Celta, con vitoria deste último por tres a cero. Mentres que en categoría alevín os finalistas foron tamén o Celta de Vigo e o Rayo Vallecano, con trunfo esta vez dos madrileños por dous goles a un. A organización do torneo, que traballou arreo durante toda a fin de semana, valorou moi positivamente o resultado do mesmo, tanto polo nivel futbolístico mostrado polos clubs participantes, como tamén pola súa boa acollida, con ampla presenza de afeccionados nas gradas. Un feito que mesmo se deixou notar tamén nos locais hostaleiros e negocios, non só da localidade, senón tamén no resto da comarca. Unha mostra máis de que o evento de gran repercusións, chegou para quedarse, pensando xa nunha máis que probable segunda edición. Nos próximos días, e unha vez feito o balance de ingresos e gastos, a organización do torneo ten previsto tamén entregar o cheque con todo o recadado á Asociación Española contra o Cancro, xa que a celebración do campionato tiña un fin meramente solidario.