A praia de Cabío acollerá a I Xuntanza Internacional de Motos Antigas

    motoantiga_100_050906_1.jpgPOBRA > O Moto Club Praia de Cabío ultima os preparativos para a xuntanza internacional de motos antigas que terá lugar o vindeiro domingo na Pobra do Caramiñal. Neste encontro, os participantes realizarán un percorrido por toda a comarca do Barbanza a bordo destes vehículos clásicos. A organización estima que preto de cen motoristas se darán cita na concentración.

    A ruta dará comezo ás once da mañá con saída dende a praia de Cabío. Os motoristas percorrerán os concellos da Pobra, Boiro, Noia, onde realizarán unha parada, Porto do Son e Ribeira. Tras un itinerario de 82 quilómetros, os participantes volverán ata o concello anfitrión para desfrutar dunha comida.

    Esta xuntanza, na que se prevé reunir entre oitenta e cen motos, vense xestando dende hai aproximadamente catro meses cando botou a andar o Moto Clube. Os organizadores confían no éxito desta convocatoria como primerio paso para a realización de novas iniciativas no futuro.

    Polo momento, o Moto Clube ten previsto organizar unha exposición permanente en colaboración co concello pobrés. Así mesmo, se plantexan a organización de mostras itinerantes polos distintos concellos do Barbanza coa fin de dar a coñecer o que foi a industria da motocicleta española e contribuír á súa recuperación.

    En vista do alto número de inscricións que se realizaron ata o momento, o Moto Clube ten previsto dar continuidade a esta iniciativa. Nos vindeiros anos, agardan ampliar a concentración a unha fin de semana na que se realizarán actividades paralelas relacionadas co mundo das motocicletas.

    Redacción Barbanza