Brenntag podería asumir os custes da contaminación no río Umia

    SALNÉS > Continuamos pendentes da situación do río Umia, tralo incendio da planta química de Brenntag, en Caldas. Mentres a mancha azulada avanza lentamente, continúa a marchas forzadas a construcción de diques de contención e dos 17 quilómetros de canalización para garantir o abastecemento de auga ó Salnés. Á vez que se realizan análises constantes, operarios da Estación de Hidrobioloxía da Universidade de Santiago e da asociación ecoloxista Adega traballan arreo para rescatar os peixes que sobreviviron á contaminación. Un operativo custoso que podería ser sufragado pola empresa Brenntag.

    rioumiacontaminado_200_040906.jpgA mancha contaminante avanza lentamente pero xa se extende ó longo de seis quilómetros, aínda que non chegou ó primeiro dique construído no río Umia. A fin de semana dedicouse sobre todo a construír estas barreiras no curso do río, e na construcción dunha canalización paralela ó río para garantir o abastecemento de auga.

    rioumia_diquegodos_200_040906.jpgO lento avance do vertido contaminante que baixa polo río Umia desde o pasado venres permitiu construir xa tres diques para a súa contención. Sen embargo, os productos químicos que acabaron no río tralo incendio da planta que a firma Brenntag tiña en Caldas xa se extenden ó longo de seis quilómetros, aínda que non chegou ó primeiro dique construído.

    rioumia_analises_200_040906.jpg

    As últimas análises facilitadas onte pola Consellería de Medio Ambiente suman metais pesados á presencia de ata oito contaminantes derivados do petróleo nas augas. Sen embargo, a consellería matizó que non se trata dos máis dañinos, xa que só se detectou aluminio e ferro. A continua toma de mostras permitiu tamén determinar a qué se debe a cor entre verdoso e azulado que ten a mancha. En contra da hipótese inicial, que apuntaba a que se podía tratar de sulfato de cobre, agora se sabe que se debe a un colorante almacenado na planta que ardeu.

    reunion_alcaldes_conselleiros_040906.jpgAlcaldes do Salnés e dos concellos de Portas e Caldas e representantes da Xunta están en contacto desde o día do incendio e mantiveron esta fin de semana unha nova reunión. A Xunta mantenos informados dos pasos a dar para frenar a mancha contaminante e evitar que chegue ás tomas de auga e, sobre todo, ó mar. A principal preocupación dos alcaldes é garantir o suministro de auga. O domingo Medio Ambiente autorizou a captación nun tramo limpo do Umia para abastecer a comarca do Salnés, agás Vilagarcía.

    rioumia_obras_canalizacion_040906.jpgNa mentres continúa a marchas forzadas a construcción dunha canalización alternativa para o abastecemento de auga. Desde a tarde do sábado trabállase na instalación de 20 quilómetros de tubería en superficie. Nas obras interveñen sete empresas galegas, cun centenar de operarios e outros tantos medios pesados.

    OPERACIÓN CUSTOSA

    conselleiro_medioambiente_040906.jpgA Xunta podería acabar xirando a factura da costosa operación de control do vertido e limpeza da mancha á empresa Brenntag. De ser así, as arcas da aseguradora deberán prepararse para afrontar unha elevada indemnización. Non será o único problema ó que se enfrenta Brenntag. Segundo o conselleiro de Medio Ambiente a firma química non verá renovada a súa licencia para operar na mesma ubicación.

    A empresa alemana Brenntag anunciou hoxe que está disposta a pagar os custes derivados do vertido ocasionado tralo incendio na súa factoría de Caldas. Belén Ruiz, portavoz de Brenntag en España, indicou que a empresa ten seguros que cobren estas eventualidades. Sinalou tamén que a multinacional dispón, entre outros negocios, dun sobre tratamento de augas residuais, de xeito que os seus técnicos coñecen cómo proceder ante este tipo de accidentes, e que xa desprazou a expertos doutras plantas de Sevilla e de Valencia.

    brenntag_limpiandorio_200_040906.jpgA portavoz indicou que as primeiras conclusións sobre as causas do accidente amosan que se puido producir a consecuencia da electricidade estática e as elevadas temperaturas, no momento en que se procedía a trasladar tolueno, un disolvente altamente inflamable, desde unha cisterna de grandes dimensións a contedores máis pequenos. Belén Ruíz explicou que a nova unidade contra incendios da empresa, inaugurada en 2005, actuou con rapidez na extinción, pero admite que non foi suficiente ante a magnitude do accidente, por lo que a firma pediu axuda exterior.

     

    rioumia_azul_portas_200_040906.jpgBrenntag afirma que a mancha de productos químicos que hai no río Umia desaparecerá totalmente en dous ou tres días. A empresa di que é unha mancha superficial de tolueno, xileno e estireno que foi sometida a un tratamento con carbón activo, que absorbe partículas contaminadas como si se tratara dunha esponxa. A firma asegura que non haberá contaminación á ría. Pero este luns tamén soubemos que a organización ecoloxista Greenpeace ten previsto presentar unha denuncia ante a fiscalía contra Brenntag, como responsable dun vertido de sustancias tóxicas ó río Umia.

     

    brenntag_enfriandocamion_200_040906.jpgNamentres as autoridades xestionan o control da contaminación do río Umia, na planta de Brenntag en Caldas continuaron esta fin de semana as labores de extinción do incendio. Os bombeiros afanábanse o sábado en enfriar este camión cisterna nas propias instalacións da fábrica. O tanque do camión contiña un líquido altamente inflamable. No momento desta grabación a temperatura ambiental era de 46 graos e os bombeiros tiñan que rebaixalo ata 30 para poder manipular o vehículo e pasar o contido da cisterna a uns tanques da empresa. O conductor do vehículo estaba co posto desde o día do incendio, xa que todo o que tiña estaba dentro do camión. Na zona desprazáronse membros de protección civil, garda civil e bombeiros do Salnés.

    As altas temperaturas xeradas tralas explosións na fábrica afectaron tamén a empresas colindantes, como a Estación de Servicio de Saiar. A gasolinera sufriu danos no muro de separación polas explosións, e o calor derretiu as cubertas da zona de lavado.

    GARANTIR SUBMINISTRO DE AUGA

    Este luns púxose en marcha un gran operativo en colaboración coa Dirección Xeral de Transportes e a Garda Civil para garantir o subministro de auga. Máis de medio centenar de camións procedentes de toda España e Portugal foron mobilizados para traer o material necesario para crear a canalización que abastecerá ós 9 municipios afectados. A infraestructura podería estar rematada entre mércores e xoves. Aínda así, o presidente da Mancomunidade do Salnés considera que podería haber cortes de auga nos vindeiros días.

    O bombeo situado en Baión permanece pechado desde o pasado venres pola contaminación do río. Esta medida cautelar deixa a Vilagarcía sen unha das principais fontes de acopio de auga durante os meses de verán. Sen embargo hoxe o alcalde Javier Gago asegurou que de momento teñen garantido o subministro por outras vías. Unha delas é o propio embalse do río do Con, de onde se están a consumir 80 litros por segundo. Está a un 20 por cento da súa capacidade e sostén arestora o 70 por cento do subministro. A parroquia de Vilaxoán recibe a auga desde a Mancomunidade a través da infraestructura construída no Rial. E ademais teñen camións cisterna para encher o resto de depósitos. Desde o concello pídese á cidadanía un consumo aínda máis responsable.

    De momento o concello ten cortado o subministro para o rego de parques e para as duchas das praias. Tamén se restrinxiu para determinadas industrias, como as conserveiras, que reciben a auga en camións cisterna. Gago tamén indicou que o Hospital do Salnés ten garantido ó 100 por cen o subministro polo depósito de Zamar.

    RESCATE DE PEIXES

    rioumia_capturapeixes_200_040906.jpgVoluntarios de Adega e operarios da Estación de Hidrobioloxía da Universidade de Santiago traballan estes días a marchas forzadas para recuperar a fauna do río. Nas últimas horas xa recuperaron máis dun millar de peixes aínda con vida que trasladan a outro afluínte do Umia ou á parte baixa do río. A mancha azul que se atopa no río Umia desde o venres está a deixar tras de sí un espectáculo lamentable. As sustancias altamente contaminantes que contén están acabando coa flora e fauna deste cauce causando unhas perdas ecolóxicas importantes. Ademais de colaborar na recollida de mostras e na análise das augas, a Estación de Hidrobioloxía da Universidade de Santiago está presente no río Umia desde o venres para tratar de recuperar a fauna deste cauce. Con eles están voluntarios da asociación ecoloxista Adega. Xa estiveron na zona de Baión, onde se construíu un dos diques de contención e na zona das Aceñas, na mesma parroquia vilanovesa. Ata aquí están chegando peixes mortos da parte alta do río, pero tamén exemplares que veñen fuxindo. rioumia_cangrexoderio_200_040906.jpg

     

    A estes voluntarios e técnicos do laboratorio universitario tamén se suman os veciños. Algúns incluso deron con exemplares únicos como este cangrexo de río, en perigo de extinción, e pouco habitual nestas augas. A labor destes voluntarios é controlar a zona dos diques, onde a auga presenta niveis baixos de osíxeno e retirar os peixes que se achegan.

     

    A RÍA DE AROUSA EN ALERTA

    isabelperez_mariscadora_200_040906.jpgAdemais do abastecemento de auga, a principal preocupación é evitar que a mancha contaminante chegue ó mar. O banco marisqueiro que se vería afectado de cheo sería o do Sarrido, en Cambados, en plena desembocadura do río Umia. As mariscadoras da zona non perden detalle do que acontece estes días. Desesperación, é a palabra que máis se escoita estes días da boca das mariscadoras arousás. Esta fin de semana algunhas delas trasladábanse ata Portas para ver por elas mesmas o que se lles vén enriba. A mancha azulada do Umia nesta zona fíxolles saltar as bágoas a máis dunha. Con elas estaba a presidenta das mariscadoras de Cambados, Isabel Pérez.

    O banco marisqueiro do Sarrido, está en plena desembocadura do río Umia. O sábado deuse orde de pechalo ó marisqueo, pero onte xa se levantaba este peche cautelar. O luns puideron traballar con total normalidade pero as mariscadoras non se poden sacar da cabeza o que viron no río. A consellería de Pesca mantén un dispositivo humano para establecer puntos de observación na desembocadura do Umia, na balsa de Ponte Arnelas e en Castrelo. Tamén recolle mostras na desembocadura e mantén os controis habituais no mar. O colectivo mantense moi sensible e esixen un solución inmediata ós continuos vertidos que padece este río.

    Redacción Salnés