Os propietarios asumen os custos da urbanización nas parcelas de Barraña

    BOIRO > O concelleiro boirés de Obras Públicas, Vías e Servizos, Xoán Xesús Ares, compareceu ante os medios de comunicación para acabar coa polémica sobre a financiación das obras que se están a levar a cabo no paseo marítimo de Barraña. Ares explicou in situ en qué están a consistir estes traballos de urbanización e aclarou que son os propietarios dos terreos ubicados na zona os que se están a facer cargo dos custes da obra.

    urbanizacionbarraa_300_060906.jpgA urbanización dos polígonos Espadañal 1 e Barraña 1 está a ser obxecto dunha intensa polémica que fai referencia ó financiamento das obras. É por isto que o concelleiro de Obras Públicas e Servizos, en representación do executivo boirés, se víu obrigado a comparecer ante os medios de comunicación para aclarar falsos rumores ós veciños. Alega que segundo a Lei do Solo de Galicia, a explotación do solo urbano non consolidado, como é o caso, correspóndelle ós propietarios; polo que o concello tan só se limitou a dirixir e adxudicar as obras pero non a custealas.

    Estas obras ás que Ares fai referencia estanse a levar a cabo ó longo do paseo marítimo de Barraña. Polo de agora só comezaron os traballos de urbanización no primeiro tramo, o correspondente ó polígono do Espadañal, unhas reformas que deberían ter xa rematado pero que aínda non concluirán ata dentro de dous meses debido ás diversas reformas que sufríu o proxecto. Para o segundo tramo, o do polígono de Barraña, prevese un prazo de execución de 5 meses. Unha vez rematadas as refomas, a zona contará con beirarrúas arredor das urbanizacións, unha zona adoquinada que servirá de acceso ós vehículos cara o paseo marítimo, un espacio para aparcamentos e un carril bici. Como remate incluranse árbores e alumeado público.

    Ares engadiu que no caso do polígono de Barraña, o concello aínda posúe unha parcela do 10 por cento do terreo que probablemente reserve para o desfrute público, xa que no Espadañal, o terreo que correpondía ó concello foi vendido ós propietarios da zona pola anterior goberno.

    Redacción Barbanza