![]()
SALNÉS > O venres estará restablecido o subministro de auga potable ó Salnés. Así o anunciaron este xoves o presidente da Xunta e o conselleiro de Medio Ambiente. Neste día continuouse a traballar no filtrado da auga contaminada que segundo as análises está completamente limpa. O venres tamén se presentará o plan de rexeneración de fondos para deixa-lo tramo afectado en perfectas condicións.
O conselleiro aseguroulles ós alcaldes que o venres estará xa funcionando parte da canalización de 17 quilómetros construída por sete empresas galegas baixo a coordinación do director xeral de Augas de Galicia. Deste xeito Vilagarcía terá xa suministro e comezará tamén a bombearse auga ó cauce do río para que canto antes poidan abastecerse tódolos concellos do Salnés. Esta tubería, que naceu para dar unha solución urxente a un problema puntual, podería converterse en definitiva e mesmo servir para comeza-lo proceso de rexeneración integral do río Umia.
Precisamente Medio Ambiente dará a coñecer o venres o Plan de Rexeneración de Fondos que permitirá recuperar totalmente o tramo de río afectado polo vertido contaminante de Brenntag. Será o último paso das actuacións urxentes postas en marcha hai case unha semana cando se produciu o incendio. Actuacións que requeriron a ocupación de centos de fincas privadas, polo que a Xunta agradece a colaboración dos seus propietarios.
A nova do completo restablecemento do suministro de auga encheu de ledicia ós alcaldes, que levan unha semana buscando como solucionar nos seus concellos o problema da falta de auga. Aínda que arestora parece que o peor xa pasou, os rexedores seguen pedindo prudencia no consumo de auga. No caso de Vilagarcía a situación tamén mellorou moito nas últimas horas, despois de que o mércores se conseguise introducir nos depósitos, mediante cisternas, case 2 mil metros cúbicos de auga, un 10 por cento máis que o día anterior.
O encoro de Castroagudín segue a subministrar o mesmo caudal, sesenta litros por segundo. Ademais o consumo de auga foi un 12 por cento menor que o martes. Aínda así, o concello denunciou o mércores a tres veciños de Carril por rega-los seus xardíns mentres outras zonas do concello estaban sen auga por falla de presión. O goberno local de Vilagarcía agarda que, coas novas dadas este xoves polo conselleiro, pronto se restableza totalmente o abastecemento e a presión da auga.
Redacción Salnés









