Hotusa despedirá 26 dos 36 traballadores do Hotel Balneario Illa da Toxa

O GROVE> Xa se coñecen os detalles do ERE extintivo que o Grupo Hotusa quere aplicar no Hotel Balneario Eurostars Illa da Toxa, no concello do Grove. Dos 36 traballadores que ten no cadro de persoal, a empresa manterá dez. Pola contra, despedirá a 21 e non renovará contrato a outros cinco. Para a CIG, esta proposta é inasumible e xa anunciou que levará as condicións ante os tribunais para reclamar a súa nulidade. Mentres, continuarán coas mobilizacións e a folga.

Só dez traballadores do cadro de persoal do Hotel Balneario Eurostars Illa da Toxa manterán o seu posto de traballo. É a proposta que fai o Grupo Hotusa no marco do ERE extintivo proposto para este establecemento.

Manterían a tres traballadores de recepción, un de reservas, tres de restauración e outros tantos de mantemento. Tan só estes últimos continuarían ademais coas mesmas condicións laborais, con contratos indefinidos a tempo completo. Os demais, pasarían a ser fixos discontinuos con garantía de traballo para nove meses ao ano.

A CIG agarda agora o informe da inspección de traballo, confiando en que sexa negativo contra o proceso do ERE. Ademais, anuncian que levarán o conflito aos tribunais para reclamar a súa nulidade.

Agora os traballadores están á espera de recibir a comunicación oficial e individual por parte da empresa, aínda que a intención do Grupo Hotusa é cesar a relación laboral o 2 de xaneiro. Dende o sindicato xa anunciaron que continuarán coas mobilizacións e coas convocatorias de xornadas de folga. A seguinte manifestación será este xoves ás 11 da mañá, con saída dende o concello do Grove ata o propio hotel.