![]()
RIBEIRA > O Auditorio Municipal de Ribeira foi o lugar elixido para a presentación do último libro do portavoz do PSOE ribeirés, Xosé Vicente Domínguez. Trátase dunha novela costumbrista que reflexa a vida nunha vila mariñeira da Ría de Arousa durante os anos da posguerra franquista.
‘Así éramos en Benencia’ é o título da última novela de José Vicente Domínguez. O libro está ambientado no período que vai dende a posguerra ata o fin da dictadura franquista cando xa se albiscaba a chegada de tempos máis esperanzadores e trata de reflexar a maneira de ser propia e peculiar dos veciños de Benencia, unha vila mariñeira da Ría de Arousa.
No libro plásmanse as costumes, a linguaxe, as relacións sociais, o traballo, a relixión ou os romances entre os veciños da vila, en definitiva, o discorrer da vida nesta vila de Benencia, uns temas universais que segundo comentou Nacho Capeáns, Director de Onda Cero e Antena 3 en Galicia, permiten ó lector introducirse no relato e identificarse cos personaxes.
Tamén pronunciou unhas palabras o alcalde ribeirés, Xosé Luis Torres Colomer, que recalcou a importancia deste libro para evitar que aquela época escura pase ó esquecemento. 
Pola súa banda, Xosé Vicente explicou que os temas e personaxes que creou retratan ós avós, pais, fillos e vivencias daquela parte da nosa historia que a miúdo se relega ó olvido. A novela está narrada en castelán pero os diálogos dos personaxes recóllense no galego propio da Ría da Arousa, unha técnica que o autor utilizou para reflexar mellor as vivencias dos protagonistas e lograr unha maior identificación cos personaxes.
Ó acto acudiron os familiares do autor, numerosos representantes políticos da comarca así como outros persoeiros recoñecidos como o escritor Alfredo Conde ou o Presidente de Frinsa Ramiro Carregal, que ó remate da presentación puideron disfrutar duns pinchos e viño do país.
Redacción Barbanza







