Rianxo acolle unha charla sobre a rexeneración do solo queimado

    RIANXO > O concello de  Rianxo organizou unha charla informativa para asesorar ás comunidades de montes e a particulares no proceso de rexeneración da superficie queimada polos incendios. Ó acto tamén asistiu a delegada provincial da Consellería de Medio Rural, Olga García, que aproveitou a ocasión para difundir entre os asistentes o Decreto de Prevención de Riscos de Incendios aprobado polo Goberno autonómico a pasado mes de xuño.

    Á esta charla acudiron os presidentes das comunidades de montes da localidade e varios representantes do sector hostaleiro e turístico da zona, que se achegaron para informase sobre o proceso de rexeneración dos solos queimados e as medidas de precaución a tomar para evitar que se repitan situacións semellantes ás vividas este verán. A exposición correu a cargo de Monteserrat Díaz, do departamento de investigacións agrobiolóxicas do CSIC, que incidiu nas técnicas de rehabilitación dos solos arrasados, unhas técnicas que deben ir unidas ó proceso de rexeneración do masa forestal.  

    xuntanzaincendiosrianxo_200_070906.jpgSegundo comentou a científica, o recomendable é evitar as actuacións con maquinaria pesada nas zonas queimadas, situar pequenas barreiras vexetais nas pendentes para dificultar o arrastre de cinzas e nutrientes e sementar con herba as zonas afectadas xa que a cobertura herbácea diminúe a erosión nun 50 por cento. Cuestións todas estas recollidas nun tríptico informativo que o concello de Rianxo editou en colaboración coa Consellería do Medio Rural e que será distribuido por toda a localidade para que sexa de coñecemento público.  

    Pola súa banda, a delegada provincial da Consellería do Medio Rural quixo informar ós presentes sobre as medidas que se establecen no Decreto de Prevención de Riscos de Incendios aprobado o 22 de xuño, entre elas a obrigatoriedade de crear unha franxa de protección de 25 metros arredor de calquera edificación, instalacións industriais, eléctricas ou infraestruturas de transporte, situadas a menos de 400 metros do monte. 

    Olga García tamén fixo referencia ás axudas ás que poden optar os hostaleiros afectados polo lume e que serán de dous tipos. Axudas compesatorias polas perdas xeradas naqueles casos nos que houbo desaloxos das instalacións ou cando a ocupación descendeu en máis dun cincuenta por cento por mor dos incendios e axudas para a restauración de instalacións permanentes como alpendes ou almacéns.

    Redacción Ribeira